O Departamento de Mocidade en colaboración co Departamento de Lingua do Concello de Santiago presenta un novidoso proxecto de ocio alternativo destinado á xeración de mozos e mozas nados entre 2.002 e 2.005 que necesitan dun contexto de socialización propio para desenvolver os seus intereses nos medios dixitais e onde a lingua galega teña un espazo propio.

Este proxecto denominámolo #SenCancelas e consiste nun espazo de socialización en galego no que a xuventude poida explotar as súas habilidades e capacidades persoais mediante a posta en marcha dun proxecto emprendedor, creativo e colaborativo. A actividade promoverá que a xuventude desenvolva o seu propio proxecto piloto (montar un Podcast, crear o seu Videoxogo, gravar disco de HipHop, publicar o seu Cómic, ter a súa canle de Youtube…) enfrontándose coas dificultades de levar a cabo unha idea emprendedora e poñendo en contacto a diferentes mozos e mozas con ideas afíns ou complementarias.

O nome de #SenCancelas trata de definir o espírito do proxecto xa que marca un territorio libre de prexuízos, en constante evolución, sen fronteiras, aberto ás diferenzas, colaborativo, de portas abertas etc. #SenCancelas é unha expresión moi empregada no noso idioma para falar daquilo que carece de vergoña, que se mostra tal e como é, sen prexuízos, espontáneo: “falar sen cancelas”, “ollar sen cancelas”…

Este proxecto quere chegar a ser un referente para a mocidade de Compostela ofrecendo un espazo no que se teñen en conta os intereses deste colectivo adaptándose aos seus códigos, formas de relacionarse, ritmos etc.

Preténdese crear un lugar no que poder descubrírense como persoas e encontrárense xentes con obxectivos comúns mentres se estimulan, organizan e materializan as súas inquedanzas a través de sinerxías positivas. Este complexo percorrido terá como resultado a posta en marcha de ideas creativas xurdidas do traballo colaborativo da mocidade asistente ao programa e difundido a través da páxina web sencancelas.gal e a Mostra Creativa ao final do programa.

Ao longo deste proceso a rapazada aprenderá a organizar as súas ideas, identificar as necesidades, colaborar, controlar a frustración, empregar diferentes medios dixitais e analóxicos etc.

#SenCancelas desenvolverase todos os luns durante dúas horas de 18:00 a 20:00 no Centro Xove de Almáciga desde o 22 de abril ao 15 de xullo e do 2 de setembro ao 16 de decembro. O período de inscrición é do 1 ao 15 de abril enviando un correo a dptoxuventude@santiagodecompostela.gal.