Critaturas produto da fusión das especies, tecnoloxía evolucionada ao servizo do ser humano e un científico empeñado en sabotar as intelixencias artificiais para enfrentalas aos humanos.

O pasado 13 de decembro no CSC Vite a rapazada de #SenCancelas creou un xogo narrativo tomando como referenza o futuro distópico creado no proxecto de podcast Vite no futuro.

Para isto tomouse como base o xogo Cooperación e Supervivencia de licenza libre que podes descargar no seguinte enlace.

Neste xogo narrativo xógase nunha situación límite no que o grupo ten que poñerse a proba en retos tomando a decisión de facelo dunha forma cooperativa ou individual. Segundo o resultado destas accións os personaxes poden verse metidos en máis problemas ou superar os retos aos que se enfrontan.

Creación de personaxes

O primeiro paso foi crear os personaxes que ían xogar. Para isto encheuse a folla de personaxe seguindo os pasos: elixir un estilo, unha profesión, a forma de acción (cooperativa ou de supervivencia)…

En resumo, no grupo houbo un grupo de personaxes relacionados co mundo universitario da rama de bioloxía ou química, un cantante famoso en pequenos grupos da mocidade, unha profesional da danza que agora traballa no parque natural Nova Marcelle como guía e unha espía secreta con moitas habilidades ocultas.

Contexto da aventura

Unha vez creados os personaxes decidiuse como sería o contexto da nosa aventura neste universo futuro creado pola rapazada. Ao parecer o grupo de personaxes están de visita no parque natural Nova Marcelle na provincia de Lugo. Neste lugar atópanse moitos dos exemplares evolucionados produto da fusión das especies. Se queredes coñecer máis detalles destes animais podedes escoitar a sección de medioambiente do podcast Vite no futuro.

A guía do parque espera aos visitantes e recíbeos mostrando un holograma do mapa do recinto e o circuito que van percorrer nos seus aerodeslizadores ao longo da súa visita (se queres coñecer máis das formas de vida e a tecnoloxía ao servizo das persoas no futuro, escoita a sección modos de vida do programa Vite no futuro)

Comezan os problemas

Unha vez os personaxes chegaron ao parque gozaron da diversidade animal e vexetal que había nel. Os problemas comezaron ao visitar o recinto onde había unha mestura entre un polbo xigante e un tiburón, unha criatura moi peligrosa que se mantiña controlada cunha alta seguridade. Un pequeno accidente no grupo de visitantes, desata a reacción da criatura. Nestas circunstancias a guía tratou de activar o protocolo de emerxencia pero, nese intre, a voz dun famoso científico tolo soa polos altofalantes do centro dicindo que acababa de corromper o sistema encerrando aos personaxes neste lugar tan peligroso (para ter máis información sobre as accións deste personaxe podes escoitar a sección dos perigos da tecnoloxía do programa Vite no futuro).

Todo ten unha solución

Cada un dos personaxes empregou as súas mellores artes e habilidades para saír dese lugar da mellor maneira. Aínda que non foi unha tarefa nada sinxela, todos os personaxes conseguiron saír do lugar pechando á criatura no lugar.

A experiencia foi moi boa e os participantes do programa #SenCancelas puideron vivir nas peles dos seus personaxes o que é vivir nunha sociedade do futuro. Analizáronse as súas accións tendo en conta se se trataba dunha acción cooperativa ou individual, este feito fixo que en moitas ocasións se abrise debate sobre cada unha das accións que querían realizar.

Lembrade que podedes xogar libremente a este xogo nas vosas casas e crear a vosa propia ambientación e personaxes. Tan só precisas:

  • Un feixe de dados de 6 caras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *