
Como será o Vite do ano 2050?
Baixo esta premisa a rapazada de Vite compartiu a súa visión do futuro do seu barrio: modos de vida, música, fauna, medioambiente e tecnoloxía.
A través do programa #SenCancelas, a rapazada de Vite convertiuse en Podcasters e desenvolveron os contidos dun programa de podcast no que, nun formato de programa de variedades e entrevistas, debuxan cal será o futuro do seu barrio compostelán.
Os rapaces e rapazas participantes desenvolveron o seu proxecto de podcast ao longo de dúas sesións realizadas no CSC de Vite os días 22 e 29 de novembro do 2019.
As sesións realizadas contaron coa participación de 10 asistentes que se repartiron as seccións do programa en pequenos grupos de traballo:
- Presentación: Malik, Amal e Beatriz
- Modos de vida: Amal
- Música: Ainara e Yeray
- Medioambiente: David e Malik
- Tecnoloxía: Beatriz e Roi
- Alimentación e xoguetes do futuro: Loli e Lara
- Sintonías e músicas das seccións: Eduardo
A primeira das sesións centrouse en traballar dinámicas de grupo e a linguaxe radiofónica. Establecéronse grupos de traballo e definiron os temas e seccións do programa.
Na segunda das seccións, estableceuse unha mesa de redacción na que se decidiu por consenso os contidos de cada unha das seccións do programa así como o seu nome e formato.
Ao longo de todo este proceso os e as participantes tiveron plena liberdade tanto no desenvolvemento dos contidos como na súa forma. A gravación do programa realizouse empregando técnicas de improvisación, sen empregar un guión preestablecido.
A rapazada de Vite imaxinou un futuro cunha tecnoloxía tremendamente avanzada ao servizo do benestar do ser humano, a monopolización do trap e reggaeton como estilos musicais, a evolución das especies mesturándose unhas con outras, a contaminación dos ambientes ou unha intelixencia artificial que corre o perigo de revelarse contra os seres humanos.
Podedes escoitar o programa completo no seguinte reproductor: