#SenCancelas pretende ser un proxecto de intervención socioeducativa para a mocidade compostelá, coordinado pola concellería de Mocidade e o departamento de lingua do concello de Santiago, que busca crear un espazo de socialización en galego no que desenvolver as habilidades e capacidades persoais a través da posta en marcha dun proxecto de emprendemento creativo e colaborativo.

A mocidade precisa espazos positivos para socializárense e relacionárense con iguais na lingua galega. Lugares nos que desenvolver os seus talentos colaborando de forma autónoma. Coñecer as ferramentas ao seu alcance para levar a cabo as súas inquedanzas e proxectos.

Os profundos cambios nos hábitos de consumo e socialización da mocidade equipara o tempo que inviste a rapazada nos medios dixitais aos analóxicos. Isto require de novas habilidades comunicativas, recursos, coñecementos etc. 

A actividade promoverá que a rapazada desenvolva o seu propio proxecto creativo (montar un PODCAST, crear un VIDEOXOGO, gravar un disco de HIP-HOP, publicar un CÓMIC, ter a súa canle de YOUTUBE…) enfrontándose coas dificultades de levar a cabo unha idea emprendedora e poñendo en contacto a diferentes mozos e mozas con ideas afíns ou complementarias. 

O nome de #SenCancelas trata de definir o espírito do proxecto xa que marca un territorio libre de prexuízos, en constante evolución, sen fronteiras, aberto ás diferenzas, colaborativo, de portas abertas etc.

A actividade desenvolverase ao longo de 15 sesións de 3 horas nos meses de outubro e novembro en diferentes Centros Socioculturais de Santiago de Compostela.

A actividade finalizará cunha xornada de 5 horas na que os participantes nos diferentes retos poderán coñecerse e crear vínculos para desenvolver proxectos creativos nun futuro. Porase á súa disposición os medios para desenvolver un prototipo de proxecto creativo.

Retos creativos que se levarán a cabo:

Reto #01 E ti, en que falas? (A webserie)

Desenvolverase un capítulo piloto para unha webserie. Partirán das experiencias particulares relacionadas coas diferentes linguas, dialectos, prexuízos… para desenvolver un guión e gravar o capítulo piloto da súa propia webserie cun ton humorístico pero desde unha perspectiva positiva da diversidade lingüística.

Reto #02 Creamos un minixogo

Crearase un pequeno xogo de mesa narrativo entre os diferentes grupos creativos. Despois de ver diferentes exemplos de minixogos narrativos, os participantes recibirán unha misión na que se lles proporá realizar o seu propio xogo narrativo baseado en diferentes premisas baseadas en situacións sociolingüísticas e de conflito lingüístico e cultural.

Reto #03 Compostela 2050 (O podcast)

 Gravarase un programa de podcast no que se debaterá sobre a idea que os participantes teñen do futuro da súa cidade: a mobilidade, a vivenda, o traballo, a lingua… Aprenderán as técnicas básicas para desenvolver un programa de podcast e repartirán as diferentes funcións entre o grupo.

Reto #04 O Elixir Máxico

Os participantes crearán un produto revolucionario que solucione moitos dos conflitos lingüísticos que se dan no seu contorno máis próximo. Para isto, teñen ao seu dispor tres ingredientes principais (Autoestima, Respecto, Igualdade etc.) e os medios audiovisuais que consideren para presentárenlle á humanidade a súa invención. A través desta dinámica a rapazada identificará aspectos relacionados coa situación da lingua empregando o formato publicitario audiovisual.

O programa vai dirixido a toda a mocidade entre 14 e 17 anos. Para inscribirte debes entrar na web sencancelas.gal ou enviar correo a dptoxuventude@santiagodecompostela.gal sinalando os obradoiros nos que estarías interesado/a

Se tes algunha dúbida podes dirixirte a:

Concellería de Mocidade:

teléfono: 981 543 001

correo: dptoxuventude@santiagodecompostela.gal

Dpto. de lingua galega:

teléfono: 981 542 409

correo: dlg@santiagodecompostela.gal

+info: www.sencancelas.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *